Friday 17 de May de 2024

A Casa Museo Casares Quiroga acolle mañá un percorrido guiado polas obras de temática bélica de artistas como Goya, Picasso ou Castelao


A visita, aberta á cidadanía e con acceso de balde, pecha o ciclo de conferencias ‘Arte e memoria democrática’, promovido polo Concello en colaboración coa UNED

A mostra ‘Arte e memoria democrática: a guerra e o seu relato na arte contemporánea en Galicia’ estará aberta ata o 8 de xaneiro na Casa Museo Casares Quiroga

A Casa Museo Casares Quiroga abre as súas portas este xoves (de 18.30 a 20.30 horas) a un percorrido guiado pola mostra ‘Arte e memoria democrática: a guerra e o seu relato na arte contemporánea en Galicia’, unha exposición organizada polo Concello da Coruña que, a través da expresión artística, convida a unha reflexión sobre o impacto que deixan os conflitos bélicos sobre as persoas, tamén sobre as súas consecuencias e a dor que as guerras deixan tras de si.

A exposición inclúe gravados como os ‘Desastres da Guerra’, onde Francisco de Goya reflicte, cunha visión moderna e comprometida, a violencia, a crueldade e a morte; tamén o traballo de Pablo Picasso, cos seus gravados de ‘Soño e mentira de Franco’, a través dos que denunciou o levantamento militar que provocou a Guerra Civil.

A visita, aberta á cidadanía con acceso de balde ata completar capacidade, será dirixida por Rosario Sarmiento, comisaria dunha mostra que reúne, ademais, obras de recoñecidos artistas como Castelao, Luís Seoane, Arturo Souto, Isaac Díaz Pardo, Manuel Colmeiro, Xosé Conde Corbal e Xaime Quessada, que tamén se posicionaron en contra da violencia, a represión e a guerra. Todos eles canalizaron, por medio das artes, o seu compromiso e denuncia contra o sufrimento.

A exposición ‘Arte e memoria democrática: a guerra e o seu relato na arte contemporánea en Galicia’ permanecerá aberta ás visitas da cidadanía ata o vindeiro 8 de xaneiro na Casa Museo Casares Quiroga.
Peche do ciclo de conferencias paralelo á mostra

O percorrido guiado previsto para mañá pecha, ademais, o ciclo de conferencias ‘Arte e memoria democrática’, unha actividade promovida polas áreas municipais de Educación e Memoria Histórica, en colaboración coa UNED. Desde comezos de novembro, historiadores e historiadoras, e especialistas deste ámbito, abordaron temas como a violencia e a guerra e o seu reflexo na arte contemporánea en Galicia, o exilio como niño de expresión intelectual e artística e o compromiso dos creadores plásticos fronte á realidade que lles tocou vivir.